AGUSTÍN BERMEJO

Os profesionais da fotografía

Notas biográficas

Agustín Bermejo Prada naceu en Zamora o 28 de Agosto de 1922. Era o maior de catro irmáns. En 1929 trasládase coa súa familia a Vigo, por motivos profesionais do seu pai, José Bermejo Martín. Este rexenta en Vigo o coñecido bar Ferroviario na rúa Lepanto ata o ano 1936, no que é asasinado polos fascistas nun dos famosos “paseos”. Tras a morte do pai, a familia pasa por momentos duros e con moitas dificultades, polo que os fillos pronto empezan a traballar para axudar na economía familiar. Agustín faino como dependente nun comercio de artigos de viaxe ata aproximadamente 1940, ano no que vai a Cartaxena para cumprir o Servizo Militar na Infantería da Mariña.

Mentres tanto, a súa familia múdase ao Porriño no ano 1942. O motivo do cambio de domicilio débese ao traslado laboral do seu irmán Nicolás ás oficinas dos laboratorios Zeltia no Porriño. Nese mesmo ano tamén a súa irmá Chelo incorpórase a traballar nas oficinas de Zeltia.

Agustín Bermejo comeza a traballar para a casa fotográfica Company de Vigo cara 1942-1943, cando regresa do servizo militar. Agustín rexeita a opción de vivir no Porriño e opta por quedarse en Vigo na casa dunha tía súa. Consegue o traballo de fotógrafo pola amizade que os Bermejo tiñan coa familia Verísimo e por extensión con A. Montero, propietario de Company.

Bermejo pertence a esa xeración de fotógrafos “de rúa” chamados popularmente “leikeros”, que grazas en parte á chegada das cámaras de 35 mm, vanse a adicar ao negocio das instantáneas nos principais paseos e rúas das cidades. Bermejo faino na rúa do Príncipe en Vigo, como moitos outros, pero tamén o fai no Porriño, aproveitando as visitas ao novo domicilio familiar. Pronto cae na conta de que O Porriño é unha zona con moitas posibilidades, xa que neses anos so estaba establecido na vila José Moreira, que se adicaba fundamentalmente ao retrato de galería, o que apenas supuña competencia para un fotógrafo de rúa como era Bermejo.

Cada vez son máis as visitas que fai ao Porriño coa súa cámara Leika. No Porriño traballaba tanto pola súa conta como para Company. O tipo de traballos que fai van dende o paseo dominical á saída da misa, os retratos e as reportaxes en festas e romarías, fotografía de tipo institucional e, por suposto, a fotografía de vodas, bautizos e comuñóns, sendo un dos primeiros fotógrafos da zona en adicarse á reportaxe social tal e como a entendemos hoxe en día.

A súa relación co Porriño non remata aquí, xa que , tras varios anos de noivos, casa no ano 1960 coa porriñesa Dolores Díaz Estévez. O matrimonio establece a súa residencia en Vigo, pero Bermejo seguirá vinculado ao Porriño durante case toda a súa vida.

É moi difícil poder certificar a autoría de Bermejo nas súas fotografías, pois normalmente aparecen co selo de Company, a casa para a que traballaba. Ás veces aparecen os dous cuños, un de Company e outro de Bermejo, e noutras fotografías (as menos) o cuño de Bermejo exclusivamente ou a súa firma.

Agustín Bermejo foi un home de espírito inquedo e aptitudes para todo o relacionado coas artes plásticas. Ademais da fotografía, son marabillosas as súas plumiñas, que firmaba como Martín Pradilla e tamén é de sinalar o seu curioso pasatempo de modelismo de barcos dentro de botellas. Os que o coñeceron destacan o seu aire bohemio e desprendido así como as súas dotes artísticas e plásticas. Foi un home teimudo e perfeccionista no traballo e un grande afeccionado á tauromaquia. Bermejo retirouse da profesión de fotógrafo cara os anos 1970-1971. Faleceu en Vigo o 4 de agosto do 2001.

*Fontes de información:


Comentarios persoais da súa viúva Dolores Díaz Estévez, a súa irmá Consuelo Bermejo Prada e a súa filla Ana Bermejo Díaz cuia colaboración queremos agradecer desde aquí.

Algunhas imaxes sobre o fotógrafo. Click sobre elas para amplialas.


OUTROS FOTÓGRAFOS

Os profesionais da fotografía

Rosendo Bugarín

+ info

Foto Magno

+ info

José Moreira

+ info

Foto Balbino

+ info

Ramiro López

+ info

Foto Pako

+ info

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa política de cookies, pique a ligazón para maior información.

PECHAR