BALBINO RAMÍREZ. FOTO BALBINO

Os profesionais da fotografía

Notas biográficas

Balbino Ramírez Alonso naceu en Santo Estevo de Budiño, Salceda de Caselas o 23 de agosto de 1934. Comezou a traballar con tan so 9 anos de idade como aprendiz de zapateiro no negocio do seu tío en San Salvador de Budiño (O Porriño). Aos 15 anos montou a súa propia zapatería na casa paterna, pero a súa afección pola fotografía levouno a buscar a alguén que o iniciase nesta profesión. Desta maneira, comeza a súa aprendizaxe na droguería de Don Álvaro en Tui, cara ao ano 1950. Este establecemento realizaba algúns servizos fotográficos como o de revelado, e alí, durante dous anos Balbino recibiu as súas primeiras nocións sobre a toma e revelado de fotografías, ao mesmo tempo que atendía a súa zapatería.

Con 18 anos adquire a súa primeira cámara fotográfica coa que comeza a realizar traballos pola súa conta sobre todo en festas populares e en celebracións familiares. Aos 21 anos trasládase á Coruña para cumprir o Servizo Militar, onde exerce como fotógrafo do seu rexemento. Foi aquí onde completa a súa formación coa axuda de fotógrafos profesionais que lle aprenden a formular cos reactivos químicos e a revelar, contando cun completo laboratorio fotográfico nas instalacións do cuartel. Ademais, na Coruña, continúa realizando traballos como fotógrafo ambulante nos ratos libres, que revela en Foto Artús. Ao rematar o Servizo Militar acada o título de Fotógrafo Profesional en Pontevedra. No ano 1959 afíliase por primeira vez ao Sindicato de Papel, Prensa e Artes Gráficas como fotógrafo ambulante. Cara estas datas establécese en Salceda en sucesivos pisos de aluguer: primeiro na rúa Doutor Zunzunegui, despois na Praza do Concello e, por último na rúa José Antonio (actual Avenida de Galicia); pero non será ata o ano 1974 cando abra ao público unha tenda-galería nun baixo da súa propiedade, na rúa Doutor Zunzunegui nº 25, que permanece aberta na actualidade. Nesta tenda ofrece servizos como estudos, fotos carné, enmarcados, … etc; así como os que abastecen aos cada vez máis numerosos fotógrafos afeccionados, como venta de material e accesorios fotográficos, ou servizo de revelado. Coa apertura do establecemento vai abandonando paulatinamente a condición de fotógrafo ambulante especializándose na fotografía de reportaxe social. Balbino cesa a súa actividade como fotógrafo en 1992 por motivos de saúde, dándolle o relevo ao seu fillo José Antonio Ramírez Garrido, que é quen continua co negocio na actualidade.

Aínda que fotógrafo de Salceda, Balbino desenvolveu a súa actividade por todos os concellos limítrofes: O Porriño, Tui, Salvaterra, Ponteareas; pero tamén na Guarda, O Rosal, Tomiño, As Neves, …etc. Para atender a tan amplo territorio, utilizaba nos seus desprazamentos unha motocicleta da marca Montesa que despois sustituíu por unha Vespa e finalmente unha Guzzi; para pasarse anos máis tarde ao mítico Seat 600 e despois ao Seat 124. No concello do Porriño realizou traballos desde moi novo, cara a década de 1950, sobre todo en parroquias como a veciña San Salvador de Budiño ou Atios; aínda que tamén topamos moitísimas fotografías da súa autoría en Pontellas, Mosende ou Chenlo. Ao longo da súa vida profesional coincide e coñece aos fotógrafos coetáneos que traballan nesta zona, como Ramiro, Lola e Gerardo de Foto Magno, Foto Vila de Tui ou Foto Souto de Ponteareas. Pero cos que mantivo unha relación máis próxima foi co propietario de casa de Vigo Foto Club, co que profesou unha gran amizade; con Foto Pako do Porriño; con Foto Carlos de Paramos e con Foto Barros de Salceda. Con este último dábase a situación de competencia profesional que pode existir entre dous fotógrafos da mesma vila que se adican á mesma especialidade fotográfica.

Traballador incansable, tamé lle gustaba viaxar no seu tempo libre, o que lle levou a percorrer gran parte de España. Outras paixóns, ademais da fotografía, sempre foron a pesca de río e a boa cociña.

Apuntamentos técnicos e historia do arquivo

Materiais

Cámaras: As primeiras cámaras fotográficas que empregou Balbino foron os modelos de 35 mm Kodak Retina-1a ou a Kodak Retinette. Máis adiante traballou tamén con cámaras de medio formato como a Rolleiflex ou algún modelo de Yashica. Nos últimos anos emprega maiormente cámaras de 35 mm de distintas marcas e modelos en cada momento.

Flashes: decantouse case sempre pola marca Metz, traballando os últimos anos co modelo Metz Mecablitz 60 CT-1.

Soportes: película negativa de formato 6x6 e de 35 mm, en menor medida película instantánea Polaroid e Fuji. Para as copias o soporte foi o papel fotográfico (papel, RC, fibra, etc.).

Cromía: Comezou traballando con películas e papel en branco e negro, ocupándose el mesmo dos labores de revelado e positivado en laboratorio propio, e aportando moitas veces as técnicas manuais de coreado, retoques e fotomontaxes Coa chegada das primeiras películas de cor vai abandonando progresivamente o monocromo, ata realizar case a totalidade do traballo en cor, e declinando o revelado de películas e copias a laboratorios como a casa Ros de Madrid ou Copi- Color de Vigo.

O arquivo

O arquivo é bastante extenso e abrangue desde mediados dos anos 50 ata 1992, data na que Balbino deixa a profesión. A partir de aí o arquivo continúa engrosándose coa obra do seu fillo José Antonio Ramírez ata a actualidade. Está composto por negativos en película fotográfica que presentan un estado de conservación relativamente bo, aínda que procedeuse á eliminación dalgúns dos rexistros correspondentes aos anos 50 e 60 por problemas de humidades. O arquivo segue unha orde cronolóxica e está clasificado por temas (vodas, comuñóns, festas, …etc.) e cos nomes dos clientes na maior parte dos casos.

*Fontes de información:


Comentarios persoais de Balbino Ramírez e dos seus fillos, a quenes agradecemos a colaboración prestada.

Algunhas imaxes sobre o fotógrafo. Click sobre elas para amplialas.


OUTROS FOTÓGRAFOS

Os profesionais da fotografía

Rosendo Bugarín

+ info

Agustín Bermejo

+ info

José Moreira

+ info

Foto Magno

+ info

Ramiro López

+ info

Foto Pako

+ info

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa política de cookies, pique a ligazón para maior información.

PECHAR ACEPTAR
Aviso de cookies