FRANCISCO LORENZO. FOTO PAKO

Os profesionais da fotografía

Notas biográficas

Iniciación e primeiros traballos

Francisco Lorenzo Bravo naceu na vila mariñeira de Vilaxoán situada na parroquia de Sobrán no concello de Vilagarcía de Arousa o 11 de agosto do ano 1944. De familia mariñeira, o seu primeiro contacto coa fotografía foi con aproximadamente 14 anos, cando comeza a traballar facendo recados para unha tenda de fotografía en Vilagarcía de Arousa. Alí coñeceu a un fotógrafo laboratorista chamado Enrique que traballaba para outros fotógrafos, maiormente ambulantes que, ben por falla de tempo, ou ben por descoñecemento, delegaban o traballo de laboratorio noutros profesionais. Este home foi o que iniciou a Pako no mundo da Fotografía. Formouno para que traballase con el, e chegado o caso, para que o sucedera no negocio. A partir de aí Pako exerceu como laboratorista, chegando a traballar simultáneamente para cinco fotógrafos ambulantes. Estas encargas supuñan tanto traballos de laboratorio, como tamén tomas de fotografías. A primeira voda que fixo foi con 16 nos na Escravitude, Padrón. Finalmente Enrique xubilouse, tomando Pako o relevo do negocio. O medo a quedarse estancado faille considerar ir a Barcelona para ampliar a súa formación e establecerse alá. Foi Federico Bermúdez, propietario de Foto-Club en Vigo, o que o convenceu para que abandonase esta idea e continuara traballando na zona de Pontevedra. Como moitos outro fotógrafos da provincia, Pako era cliente de Federico Bermúdez e viña exclusivamente desde desde Vilagarcía ata Vigo para mercar o papel e outros materiais na tenda da rúa do Príncipe. Federico pono en contacto co distribuidor Enrique Mato, que será quen suxira a Pako que se estableza no Porriño, indicándolle que “O Porriño é una zona con moitas posibilidades porque so hai un fotógrafo ambulante, que se chama Ramiro” (non menciona a Foto Magno que tamén traballaba nesta época no Porriño). Cara o ano 1964 fai o Servizo Militar pola mariña en Rota como fotógrafo. Alí fixo todo tipo de fotografía institucional e militar, e realizou as súas primeiras reportaxes de fotografía aérea.

A apertura do gabinete no Porriño

Foi ao volver do Servizo Militar, cara o ano 1965-1966 cando, seguindo o consello de Enrique Mato, monta o gabinete no Porriño. O negocio abriuse nun baixo de aluguer na Praza de José Antonio, 1 (hoxe Praza Central). A tenda ofrecía servizos de estudo, venda de material fotográfico e servizo de revelado para afeccionados; pero eran tamén moi importantes as saídas para realizar traballos de reportaxe social e reportaxe industrial. O gabinete de Pako foi o primeiro da zona destas características (tenda-gabinete). Nun principio a tenda ía chamarse Foto Varón, pois “varón” era o alcume da súa familia en Vilaxoán; pero finalmente chamouse Foto Pako por suxestión dun amigo, que o convenceu da orixinalidade de escribir con “K” o seu nome, o que provocou que moitos no Porriño pensaran que se trataba dun fotografo do País Vasco. A chegada de Pako ao Porriño coincide coa creación do Polo de Desarrollo Industrial nas Gándaras de Budiño, co que aproveita a ocasión para especializarse tamén na fotografía industrial. Traballou por toda a comarca da Louriña, tamén na zona do Morrazo, e incluso naquela época chegou a facer traballos en lugares como Verín ou Ponferrada. Facía todo tipo de traballos fotográficos, pero a reportaxe social (vodas, comuñóns, bautizos, …) sempre foi a parte máis importante do negocio. Tamén foi un dos fotógrafos da zona máis solicitados para reportaxes de fotografía institucional, realizando moitos traballos para organismos como o Concello do Porriño, o Concello de Mos, o Círculo Recreativo Cultural, … etc.

Cando Pako chegou ao Porriño, traballaban aquí como fotógrafos ambulantes Foto Ramiro, Lola de Foto Magno e Agustín Bermejo, que exercía en Vigo pero viña de vez en cando a facer algún traballo ao Porriño. Durante algúns anos, cara finais dos anos 60 e principio dos 70, tamén estivo establecido na rúa Servando Ramilo un fotógrafo de orixe portuguesa baixo o nome comercial de Foto Carlos, e do que non posuímos máis información. Non obstante, a formulación moderna do negocio de Pako, adaptándose as novas necesidades dos clientes, e contando cos mellores medios en cada momento, debeu provocar que se resentira bastante o traballo tradicional dos ambulantes, aos que pouco a pouco foi desprazando. Neste sentido tamén tivo moito que ver a popularización da fotografía de afeccionado nestes anos, sendo cada vez máis as persoas que a nivel particular mercaban unha cámara e realizaban as súas propias tomas, e Pako foi durante moito tempo o único no Porriño que ofrecía servizo de revelado e venda de material satisfacendo así a nova e incipiente demanda.

Cara o ano 1970-1971 un incendio arrasa o seu establecemento perdendo absolutamente todo, incluído o arquivo. Este revés estivo a piques de forzalo a emigrar a Alemaña, pero finalmente reabre o negocio nunha parte do baixo da casa da súa sogra na rúa Ramiráns, que é onde permanece hoxe en día. O negocio seguiu funcionando e Pako conseguiu restablecerse, chegando incluso a abrir cara os anos 80 outro establecemento co nome de Pako 2 na rúa Domingo Bueno.

No ano 2001 entra a traballar como fotógrafo Germán Lorenzo Fernández, o fillo menor de Pako, que é quen está hoxe en día ao fronte do negocio. Pako xubílase en agosto do ano 2009, deixando un legado importantísimo de máis de catro décadas de traballo.

Foto Pako segue a ser na actualidade un referente no mundo da fotografía e en particular da reportaxe social, realizando reportaxes de vodas por todo o territorio galego. A calidade do traballo realizado e o continuo afán de renovación e de superación avalan a esta casa que conta cun extraordinario prestixio que traspasa as fronteiras da Louriña.

Os medios técnicos

A primeira cámara que tivo foi unha Kodak Retina 1A, despois xa viu a Kodak Retinette, pero enseguida comeza a combinar 35 mm con medio formato coas prestixiosas cámaras Hasselbad, das que chegou a ter tres modelos. Tamén traballou en gran formato, con cámaras con soporte de placas de vidro de 13X18 cm, que tamén revelaba el mesmo. O uso de formatos maiores ao 35 mm foi algo que sempre diferenciou a Pako dos outros fotógrafos da contorna. Para os traballos en cor utiliza ao principio unha Fuji de 6x9. Tivo ampliadoras de 6x9, 9x12 e 35 mm. Coa chegada da cor delega o traballo de procesado de negativos e positivado a laboratorios industriais. Mais adiante fai unha forte inversión adquirindo unha procesadora minilab, volvendo a asumir parte do traballo de laboratorio no seu propio establecemento, sobre todo no que se refire a copias de pequeno formato para entregar no momento. Foto Pako foi unha das primeiras casas de fotografía da provincia en pasarse á tecnoloxía dixital realizando a primeira voda neste soporte cara ao ano 2001-2002. A teima de Pako por estar sempre ao día e dotar ao seu negocio das últimas innovacións tecnolóxicas fixo que, a poucos anos vista da súa xubilación, se lanzase sen dubidalo cara as novas tecnoloxías dixitais. Isto significou facer unha forte inversión económica no negocio, cando todavía moitos profesionais desconfiaba do futuro do dixital para certas especialidades fotográficas.

O arquivo

O arquivo non está contabilizado, polo que resulta difícil establecer cifras no que respecta ao volume, pois se trata dun arquivo moi extenso. As datas que comprende son desde os anos 1971-1972, ata actualidade. Todo o anterior ao ano 1971 foi destruído no incendio. A partir desta data consérvase todo, sen terse realizado ningún tipo de eliminación ou expurgo. En canto aos autores, a inmensa maioría dos fondos son da autoría de Francisco Lorenzo Bravo, aínda que a partir do ano 2001 a obra do seu fillo Germán Lorenzo Fernández pasa a engrosar tamén o arquivo. Supoñemos que as fotografías realizadas polos fotógrafos que levan traballado para esta casa, tamén forman parte do arquivo. O soporte máis presente é o de película negativa de acetato e poliéster monocroma e cor, nos formatos de 35 mm, 6x6 e 6x9 cm, aínda que tamén conserva un pequeno número de diapositiva en cor de 35 mm. Moito menos representativas son as copias que se conservan en soporte papel, sobre todo de traballos que non chegaron a venderse ou que nunca foron recollidos polos clientes. Na actualidade todo o que se xera son ficheiros dixitais. O arquivo está ordenado por datas e clasificado por temas e por nomes dos clientes. O estado de conservación é bo segundo nos indica o seu propietario. Ademais da obra de produción do autor, Pako posúe algunhas obras doutros autores que foi coleccionando ao longo da súa carreira, como é o caso de varios negativos en soporte de vidro de vistas antigas do Porriño, que conserva xunto co seu arquivo.

*Fontes de información:


Entrevista realizada a Francisco Lorenzo Bravo o 22 de febreiro do ano 2010.

Algunhas imaxes sobre o fotógrafo. Click sobre elas para amplialas.


OUTROS FOTÓGRAFOS

Os profesionais da fotografía

Rosendo Bugarín

+ info

Agustín Bermejo

+ info

José Moreira

+ info

Foto Magno

+ info

Ramiro López

+ info

Foto Balbino

+ info

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa política de cookies, pique a ligazón para maior información.

PECHAR ACEPTAR
Aviso de cookies