Neste espazo queremos resaltar a figura dos profesionais da fotografía que desenvolveron a súa actividade no Porriño. Homes e mulleres que co seu traballo nos deixaron un legado gráfico imprescindible para comprender, recompoñer e recrear a nosa historia.
Tamén debemos considerar nesta sección a fotógrafos que, sen estar establecidos no Porriño nin traballar exclusivamente no noso municipio, a súa obra está vinculada dalgunha maneira co noso concello. Este é o caso dos fotógrafos foráneos que realizaron as series de tarxetas postais que existen da vila, fotógrafos ambulantes que visitaban as nosas festas, feiras, romarías e escolas, os retratistas establecidos nas cidades veciñas como Vigo ou Tui onde solían retratarse os nosos antepasados, ou os fotógrafos de localidades veciñas que pola súa proximidade realizaron unha gran parte da súa labor profesional no noso concello. Vai ser imposible falar aquí de todos eles, pero na medida que nos sexa posible iremos incluíndo neste espazo aos máis significativos, ben pola súa presenza nos nosos fondos ou ben pola importancia das imaxes que nos deixaron.