RAMIRO LÓPEZ YÁÑEZ. FOTO RAMIRO

Os profesionais da fotografía

Notas biográficas

Ramiro López Yáñez naceu en Vigo no ano 1921, na Avenida de Ramón Nieto, nº 257, no barrio de Cambeses. Foi perruqueiro antes que fotógrafo. En 1944 casou con Margarita Serrano Domínguez, filla de Eulalio Serrano Peral que traballaba como fotógrafo ambulante (Eulalio era irmán de Timoteo propietario do coñecido estudio fotográfico de Vigo Foto Serrano). Animado pola súa muller e o seu sogro, Ramiro decide deixar o oficio de perruqueiro e iniciarse na fotografía, nun intento por buscar unha saída profesional nos duros anos da posguerra.

O pai de Ramiro era torneiro, e coa súa axuda construíu a primeira cámara e ampliadora, no torno do pai e na fragua dun amigo da familia. A cartucheira fíxolla un zapateiro do Porriño. Eran anos difíciles nos que había moi poucos medios e a imaxinación e vontade suplían a falta de material. Comezou a traballar como fotógrafo cara o ano 1946. Ramiro escolleu a zona da Louriña xa que nestas datas non había demasiada competencia. No Porriño estaban José Moreira, co seu gabinete fotográfico das Angustias, e Agustín Bermejo, que traballaba tanto pola súa conta como para a casa de Vigo Foto Company, repartindo o seu traballo de “leikero” entre Vigo e o Porriño. Ramiro atendeu unha área moi ampla que comprendía a práctica totalidade das parroquias de Mos e O Porriño. Como moitos outros fotógrafos nesta época, Ramiro compaxinaba o intenso traballo de tomas de fotografías durante o día, con longas veladas de cuarto escuro e traballos de laboratorio. O seu fillo, Alfonso, cóntanos que tiña o cuarto escuro instalado nunha das habitacións da casa e alí pasaba moitas horas de madrugada. Era tanto o traballo, que Alfonso comezou a axudar ao seu pai nas tarefas de revelado e positivado cando contaba con apenas 6 anos.

Os seus medios de transporte eran o tranvía, no que viña a diario dende Vigo, e unha bicicleta, coa que durante moitos anos percorreu as distintas parroquias da Louriña. Nos últimos tempos sustitúea por unha motocicleta.

Nos anos sesenta Ramiro era o fotógrafo máis requirido para realizar as reportaxes de voda de toda a comarca, segundo nos comentan moitos veciños. Moitas das veces tiña que recomendar a outros fotógrafos por non poder atender a tantas solicitudes. De Ramiro, as testemuñas destacan o seu carácter afable, así como a súa responsabilidade, formalidade e capacidade de traballo.

Cos anos, Ramiro anima ao seu fillo a que traballe con el, e así poder atender á crecente demanda dos seus servizos como fotógrafo de vodas. Alfonso, sen embargo, prefire traballar na cidade, e faino en Vigo como axudante de Mary Quintero, inda que as veces colabora co seu pai en algún traballo de voda. Paradoxalmente Alfonso, tras o falecemento do seu pai acaba traballando no Porriño para Foto Pako.

Ramiro enfermou de cancro e morreu no ano 1971 con tan so 50 anos de idade. Traballou ata poucos meses antes do seu falecemento.

Desgraciadamente o seu arquivo non se conserva, e a única forma de recuperar a obra deste prolífico autor é a través de actuacións de recuperación como a que facemos desde o Arquivo Municipal da Imaxe.

*Fontes de información:


Comentarios persoais do seu fillo Alfonso Ramiro López Serrano a quen agradecemos a súa colaboración.

Algunhas imaxes sobre o fotógrafo. Click sobre elas para amplialas.


OUTROS FOTÓGRAFOS

Os profesionais da fotografía

Rosendo Bugarín

+ info

Foto Magno

+ info

José Moreira

+ info

Foto Balbino

+ info

Agustín Bermejo

+ info

Foto Pako

+ info

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa política de cookies, pique a ligazón para maior información.

PECHAR ACEPTAR
Aviso de cookies