FOTO MAGNO

Os profesionais da fotografía

Notas biográficas

Co nome comercial Foto Magno traballaron no Porriño Gerardo Blázquez Magno e a súa filla Dolores Blázquez Burgos, coñecida como Lola a fotógrafa ou Lola Magno. Pese a que o período no que traballaron é relativamente recente, son poucos os datos biográficos que coñecemos destes fotógrafos. De Gerardo sabemos que era un home de ideas progresistas e que lle fascinaba a lectura e o coñecemento autodidacta. A súa vinculación co Partido Comunista levouno a sufrir penas de cadea e unha forte represión por parte dos fascistas durante case toda a súa vida. Gerado traballou moitos anos como practicante no Porriño. Iníciase na fotografía como afeccionado e aprende a técnica a través de manuais e publicacións da época. A súa filla, Lola, traballaba nos laboratorios Zeltia pero unha doenza pulmonar obrígalle a abandonar este emprego. É entón cando Gerardo pensa na fotografía como un novo medio de vida para ela. Gerardo transmítelle os seus coñecementos e incluso, como nos conta Paz Moreira, envía a Lola á casa do seu amigo e xa veterano fotógrafo José Moreira, quen lle aprende algunhas nocións básicas de fotografía.

Así nace a empresa Foto Magno, con domicilio no barrio da Malladoura, no Porriño. O traballo de Foto Magno expándese desde principios da década dos 50 ata os anos 90, sendo a época máis frutífera a dos anos 50 e 60.

Os Magno, ao igual que Bermejo ou Ramiro, non posúen estudio fotográfico propio, senón que pertencen a unha nova xeración de fotógrafos que, aproveitando a portabilidade das cámaras de 35 mm, van traballar na rúa; é dicir, que van utilizar os propios espazos rurais ou urbanos como escenario para as súas instantáneas. En concreto, os Magno, van votar man do escenario natural que lles ofrecen os penedos da Malladoura e da Moreira (moi próximos ao seu domicilio) como se se tratara dun estudio fotográfico ao aire libre, converténdose no lugar preferido onde Lola fotografaba a todos os que acudían á súa casa para seren retratados.

Polo xeral era Lola quen realizaba as tomas de fotografías e Gerardo era o que se ocupaba dos labores de revelado e positivado no cuarto escuro. Esta distribución das tarefas é cando menos curiosa se pensamos na época da que estamos falando, na que as poucas mulleres que se adicaban á fotografía solían desenvolver precisamente os labores do laboratorio e do gabinete. Probablemente, á enfermidade pulmonar de Lola, fixo que Gerardo non vira conveniente que a súa filla estivese exposta á toxicidade dos reactivos químicos no laboratorio. Ademais as testemuñas afirman que Gerardo, debido aos seus antecedentes políticos, sentíase máis cómodo traballando na intimidade do domicilio que estando na rúa, constantemente exposto á desconfianza das autoridades represoras. Sexa como fora o que está claro é que Lola Magno foi unha pioneira. Converteuse nunha das primeiras mulleres en sair á rúa coa cámara o lombo, con todo o que esto entrañaba nunha sociedade machista como era a deste momento. Imaxinamos que os comezos de Lola non foron doados e que tivo que superar moitas dificultades para ser respetada nunha profesión eminentemente masculina como era a de fotógrafo de rúa.

Tras a morte do seu pai cara o ano 1970, Lola queda soa ao cargo do negocio ate que se retira a principios da década dos anos 90. Durante estes anos Lola declina parte do traballo de laboratorio á casa Foto Club de Vigo. Falece o 23 de febreiro de 1999 con 74 anos de idade. Lola Blázquez Burgos foi unha muller pioneira. Sen ningún medio de transporte recorreu camiñando durante anos todos os rincóns da nosa comarca, de festa en festa e de romaría en romaría; de día ou denoite.

O arquivo de Foto Magno constitúe unha auténtica crónica fotográfica do Porriño das décadas dos anos 50, 60 e 70. Ademais dos retratos, das demandadas fotos de carné, e das reportaxes de vodas e festas locais, a cámara de Lola Magno convértese nunha testemuña privilexiada de todos os acontecementos e transformacións que O Porriño experimenta neste tempo. Son os anos do desarrollismo industrial coa creación do polígono; da construción e do desenfreo urbanístico; da mellora nas economías familiares, coa entrada nas casas dos novos avances tecnolóxicos coma os electrodomésticos, os automóbiles, o teléfono, etc; da actividade frenética do Círculo Recreativo Cultural; do nacemento do instituto, etc… Todo isto podémolo ver a través das fotos de Magno, as veces dunha maneira implícita, pero noutras ocasións dun xeito contundente.

*Fontes de información:


Comentarios persoais de amigos, veciños e familiares aos que desde aquí queremos transmitir noso máis sincero agradecemento.

Algunhas imaxes sobre o fotógrafo. Click sobre elas para amplialas.


OUTROS FOTÓGRAFOS

Os profesionais da fotografía

Rosendo Bugarín

+ info

Agustín Bermejo

+ info

José Moreira

+ info

Foto Balbino

+ info

Ramiro López

+ info

Foto Pako

+ info

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa política de cookies, pique a ligazón para maior información.

PECHAR ACEPTAR
Aviso de cookies