GL | ES | EN | PT

FONTE DO CRISTO

Arquitecto: Antonio Palacios.
Estilo: ecléctico.
Cronoloxía: 1904-1905.
Inauguración: 4 de xuño de 1905.

A fonte do Cristo é a primeira obra que Antonio Palacios deseñou para Galiza. En 1904, cando estaba a forxar a súa triunfadora carreira en Madrid, o Concello do Porriño encárgalle un proxecto de fonte que ocupase o lugar dun cruceiro que fora trasladado a finais do século XIX para o interior da capela do Cristo, situada a poucos metros. En agosto dese mesmo ano, o arquitecto entrégalle ao concello, completamente de balde, o proxecto rematado. Das obras da fonte faise cargo o construtor Sabino Torres; o mestre canteiro José Cerviño encárgase da figura do paxe que remata a composición. A cerámica dos botóns, dos dragóns e do escudo do Porriño foille encargada a Daniel Zuloaga, un dos principais ceramistas españois de tránsito entre os séculos XIX e XX.

Nesta obra, onde se mesturan o clasicismo e unha composición inspirada nas fontes barrocas tradicionais de Galiza, xa se pode albiscar unha das principais características da posterior obra palaciana: a integración de materiais. A pedra, a cerámica e o ferro conforman unha obra que, como a meirande parte da súa produción, se converteu en organizadora e símbolo do espazo urbano no que se empraza.

É unha fonte de tendencia vertical estruturada en dous corpos. O primeiro consta dunha base octogonal con catro chanzos para salvar o desnivel da praza e áchase rodeado por oito columnas grosas e diminutas. Na parte superior das escalinatas colócase unha base sobre a que se asenta o pé do segundo corpo, o cal se divide nunha primeira parte destinada aos canos de auga alternados con elementos ornamentais de motivos florais. Sobre ela, disponse unha columna de corte clásico asentada sobre un corpo saínte octogonal. A columna, cun fuste acanalado, remata nun capitel con decoración vexetal moi movida sobre a que se levanta a estatua dun paxe que porta na man dereita o escudo do Porriño e na esquerda unha lanza-cruz. A fonte foi restaurada no ano 1997 por un equipo técnico dirixido polo servizo de urbanismo do concello.

Imaxes da Fonte do Cristo, click sobre elas para amplialas.


OUTRAS OBRAS

Obras de Antonio Palacios no Porriño

A Botica Nova

+ info

Casa do concello do Porriño

+ info

Pavillón de acceso ao metro da rede de San Luis de Madrid

+ info

Deseñado por 3Doc

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa política de cookies, pique a ligazón para maior información.

PECHAR ACEPTAR
Aviso de cookies