GL | ES | EN | PT

CASA DO CONCELLO DO PORRIÑO

Arquitecto: Antonio Palacios.
Estilo: rexionalista.
Cronoloxía: proxecto de 1919 e construción entre 1921 e 1924.
Inauguración: 15 de xuño de 1924.

A casa do concello do Porriño é a obra máis representativa das deseñadas por Palacios para a súa vila natal. O proxecto foi entregado de balde ao concello en setembro do ano 1919. Así e todo, debido a certas dificultades económicas, as obras non comezaron ata 1921, ano no que o indiano Ramón González Fernández anunciou a súa intención de sufragar os gastos da construción. Os traballos foron realizados baixo a dirección do construtor e mestre canteiro Manuel Ruibal Solla, que os rematou en setembro de 1923.

Neste edificio, Palacios amosa unha linguaxe rexionalista de raíces galegas e contidos propios que toma de referencias da arquitectura tradicional e da expresión dos estilos medievais na súa terra, un rexionalismo singular e de acentos persoais que o arquitecto define como o momento no que se produce a afirmación do sentir galego.

A casa consistorial do Porriño é un exemplo significativo dunha arquitectura de intención rexionalista con contidos galaicos, onde o granito é un ingrediente básico e dispar, xa que, partindo da tradición milenaria da cantería, amosa todas as súas posibilidades, tanto na súa presentación refinada coma na máis popular de muros de cachotería ou perpiaño, empregando pezas irregulares, sen traballar ou cunha mínima labra, imprescindibles; configurando unha linguaxe de seu na que, ao carácter arcaico da referencia medieval, se suma a riqueza de texturas bruta e ruda da pedra.

Deste edificio parte a orixinal e potente obra rexionalista de Palacios na súa terra, obra que, dado o seu carácter persoal e singular, supera ese propio concepto de rexionalismo arquitectónico.

O edificio, concibido dentro dunha gran monumentalidade en relación coa escasa superficie do soar, converteuse, como é característico dos edificios proxectados por Palacios, no referente do espazo urbano coa torre como elemento definidor da obra. Destacan tamén a concepción aberta do acceso principal, que respecta a disposición en soportal da praza, e, sobre todo, o magnífico tratamento da cantería e a rica ornamentación de referencias historicistas.

O 25 de setembro do ano 1976, o edificio sofre un demoledor incendio que acaba coa estrutura de madeira do interior, así como, por exemplo, coas fermosas vidreiras doadas polo propio arquitecto, emprazadas na fachada lateral e hoxe substituídas por outras cunha nova traza ante a imposibilidade de recuperar o deseño orixinal da casa Mauméjean. A rehabilitación da casa consistorial do Porriño foi proxectada polos arquitectos Tomás Pérez-Lorente Quirós e Francisco Yáñez Ulloa, e levouse a cabo entre os anos 1980 e 1983. Mantivéronse sen alteración as fachadas, o vestíbulo e a escaleira de honra. Tamén se conservou o emprazamento orixinal do salón de sesións. No ano 2001, produciuse unha nova intervención, proxectada polos arquitectos Manuel Jesús Freijeiro Martínez e Luis Sarasquete Otero. Nela cambiouse a disposición do salón de sesións, que pasou ao edificio contiguo.

Imaxes da casa do concello do Porriño, click sobre elas para amplialas.


OUTRAS OBRAS

Obras de Antonio Palacios no Porriño

Fonte do Cristo

+ info

A Botica Nova

+ info

Pavillón de acceso ao metro da rede de San Luis de Madrid

+ info

Deseñado por 3Doc

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa política de cookies, pique a ligazón para maior información.

PECHAR ACEPTAR
Aviso de cookies