GL | ES | EN | PT

BIOGRAFÍA DE ANTONIO PALACIOS

1874-1945.

Antonio Palacios Ramilo nace na vila pontevedresa do Porriño o 8 de xaneiro do ano 1874. O arquitecto medrou no seo dunha familia numerosa formada polos seus pais, Isidro Palacios García e Teruel, natural de Madrid, e Jesusa Ramilo Nieves, porriñesa, e seis irmáns, Jesús, Carmen, Amparo, Amelia, Joaquín e José.

A súa infancia transcorre no Porriño, desprazándose toda a familia cando o pai, axudante de obras públicas, efectuaba traballos para o ferrocarril. O propio Antonio Palacios afirma nunha entrevista que a profesión do seu pai, entre outras cousas, lle espertou a curiosidade pola construción e a afección pola carreira; convivía con planos, ferramentas, bosquexos, trabes, madeiros, guindastres, ladrillos… A esta situación hai que sumarlle as profesións de dous dos seus irmáns maiores, Joaquín e Jesús, topógrafo e enxeñeiro, respectivamente, que de seguro influíron tamén en que se decantase pola Arquitectura.

Estuda o bacharelato na cidade de Pontevedra dende o ano 1885 e, unha vez rematado, trasládase a Madrid en 1892 para iniciar os estudos superiores. Despois dos estudos preparatorios, ingresa na Escola de Arquitectura da capital e, no ano 1900, acada cun proxecto de pazo arcebispal o primeiro posto de entre todos os alumnos presentados ao exame de reválida de fin de carreira. A partir de aquí, arranca a súa frutífera andaina profesional na capital de España.

Foi tamén en Madrid onde exerceu a docencia durante algúns anos e onde coñeceu á que máis adiante sería a súa esposa, Adela Ramírez. En definitiva, Palacios consolidou nesta cidade a súa vida e desenvolveu nela unha traxectoria profesional chea de éxitos e recoñecementos.

Así e todo, facendo gala da súa sinxeleza e do seu carácter humilde, nunca se esqueceu da súa vila natal. Para as súas vacacións de verán trasladábase a Galiza; nun primeiro momento, instalouse no Porriño e, máis tarde, en Vigo, unha cidade pola que Palacios amosaría un grande interese e cariño, e para a que levaría a cabo importantes proxectos. Tamén visitaba os concellos da Guarda ou Ponteareas, onde residía parte da súa familia.

Palacios non cobrou nunca os proxectos pensados para o seu lugar de nacemento, algo que proba a querenza do arquitecto pola vila do Louro. O Porriño quixo que o seu veciño máis universal soubese para sempre do cariño que na súa vila se lle profesaba e, no ano 1924, noméao fillo predilecto. Do mesmo xeito, no ano 1929, os seus veciños bríndanlle unha homenaxe á que acoden importantes persoeiros da cultura galega da altura de Ramón Cabanillas, o músico Reveriano Soutullo, Basilio Álvarez, o escultor Asorey, os arquitectos Jenaro de la Fuente Álvarez e Antonio Cominges, ou Paz Andrade, entre outros.

Cómpre salientar, na súa relación co Porriño, un artigo titulado «La ciudad encantada del Montefaro», no que describe a zona que vai dende o monte Castelo ata o Faro de Budiño e onde se amosa fascinado polos volumes graníticos cos que se atopou nesa «Ruta dos Penedos».

Antonio Palacios morreu na súa modesta casa de El Plantío (Madrid) o 27 de outubro do ano 1945, aos 71 anos de idade. O 30 de outubro de 1976, os seus restos foron trasladados ao cemiterio municipal do Porriño, onde repousan, como el sempre desexou, baixo unha pequena mole de granito que leva o seu nome e a súa profesión labrados a pico por un canteiro.

ANTONIO PALACIOS

O arquitecto e o granito porriñés

Foi o gran divulgador dos nosos granitos rosa e gris, quen fixo e fai que o granito galego, e en especial o do Porriño, goce de universalidade.

Antonio Palacios manifesta na creación das súas obras en Galiza o interese polos materiais propios do lugar, no que o granito ocupa un lugar prioritario. O arquitecto porriñés exhibiu a pedra en todas as súas variedades expresivas, dende o primitivo e rudo muro de cachotería, ata a delicada presentación labrada, como amosan as fachadas do Teatro García Barbón (Vigo).

O técnico, moi dado sempre á experimentación cos materiais construtivos, converteu o granito no seu material predilecto e comezou a explotar as súas posibilidades plásticas na procura de novos xogos expresivos en conxunción con outros materiais (cerámica, ferro etcétera).

O aprecio que sentía pola milenaria tradición da cantería estivo presente na valoración dalgúns monumentos visitados nas súas numerosas viaxes polo país galego, aos que por esta causa lles outorgaba un «status de GALEGUIDADE».

Foi o descubridor e primeiro valedor das variedades do granito das canteiras do Porriño: rosa Porriño e gris Mondariz. Esta pedra de gran groso e notable dureza non permitía a virtuosa labra, polo que non era apropiada para as ornamentacións do eclecticismo, modernismo etcétera, e só era empregada no peche de fincas, postes de viñedos e humilde arquitectura popular. Antonio Palacios decátase das posibilidades expresivas deste material, cunha presentación puída e brillante, pero, pasado o tempo, deixa constancia das súas posibilidades cun acabado menos brillante, como se aprecia no pórtico de acceso á casa do concello do Porriño, onde trata cada columna de forma diferente incorporando diversas variedades de granito da contorna.

Palacios sentía auténtica fascinación por este material e por todo o proceso de traballo que supón extraelo e sometelo á labra. Hai quen afirma que, durante as súas estadías no Porriño, o arquitecto achegábase ata as explotacións de granito para observar traballar os canteiros ou mesmo para elixir en persoa a pedra para algunha das súas obras. Utilizouno para a súa obra galega, mais tamén para a madrileña, e mesmo nalgunha ocasión, malia poder atopar o granito a curta distancia da capital, fixo que llo enviasen dende aquí, dende as canteiras de Atios, o que resulta ser unha proba máis do interese do arquitecto por dar a coñecer a pedra da súa terra.

Hoxe, a explotación de granito é unha das máis importantes e frutíferas actividades económicas das que se desenvolven nesta vila pontevedresa. O granito do Porriño, nas súas variedades rosa e gris, espállase xa por todo o mundo e utilízano importantes arquitectos contemporáneos para algunhas das súas obras. Sen dúbida, foi Antonio Palacios o pioneiro, un dos máis conscientes impulsores do granito da súa vila e o que deu o primeiro paso cara á súa internacionalización.

CRONOLOXÍA

  • 1874. Nace no Porriño un 8 de xaneiro de 1874.
  • 1885. Comeza o seu bacharelato en Pontevedra.
  • 1892. Trasládase a Madrid para comezar os seus estudos preparatorios de Enxeñería e Arquitectura, optando despois por esta última.
  • 1900. Obtén o seu título de arquitecto e é nomeado vogal da Sección de Arquitectura do Círculo de Belas Artes.
  • 1903. Asóciase co seu compañeiro Joaquín Otamendi e gañan o primeiro premio do concurso de ponte señorial sobre a ría de Bilbao.
  • 1904. É nomeado arquitecto xefe do Ministerio de Fomento, cargo que ocupará ata o ano 1915. Gaña o segundo premio no concurso de ponte sobre o río Urumea de San Sebastián/Donostia. Proxecta a Escola Fernández Areal e a fonte do Cristo do Porriño.
  • 1905. Canda Otamendi, gaña o concurso para o Palacio de Comunicaciones de Madrid.
  • 1908. É elixido membro do xurado da Sección de Arquitectura para a Exposición Nacional de Belas Artes. Entre outras obras, encárgaselle o Hospital de Maudes (Madrid). Proxecto do pavillón de recreo artístico e industrial de Santiago de Compostela.
  • 1909. Comeza a construción da Virxe da Rocha (Baiona) e todo apunta a que, por este ano, rematan as obras da Botica Nova do seu irmán José no Porriño.
  • 1910. Presidente da Sección de Arquitectura do Círculo de Belas Artes de Madrid, cargo que tivo ata 1917. Encárgaselle a sucursal en Madrid do Banco Español del Río de la Plata. Proxecto do Gran Hotel Sanatorio de Mondariz-Balneario.
  • 1911. É nomeado presidente da Sociedad Central de Arquitectos. Remite un plano de planta do Teatro García Barbón de Vigo para iniciar a cimentación; dous anos despois, asinaría o proxecto completo.
  • 1912. Organiza a primeira exposición «Arte Gallego» en Madrid xunto con Lloréns e Álvarez de Sotomayor, entre outros.
  • 1917. É nomeado arquitecto da Compañía Metropolitano para levar a cabo as obras da parte arquitectónica do metro madrileño. Organiza a II Mostra de Arte Galega na Coruña.
  • 1919. Palacios é nomeado fillo predilecto da cidade de Vigo. Proxecto do Círculo de Belas Artes de Madrid e da casa do concello do Porriño.
  • 1922. Apróbase o seu proxecto de urbanización parcial para unha zona de Vilagarcía de Arousa, máis concretamente, a da Golpilleira. É nomeado fillo predilecto da cidade. É elixido académico de número da Real Academia de Belas Artes de San Fernando.
  • 1924. Inaugúrase a casa do concello do Porriño. Recibe o nomeamento de fillo predilecto da súa vila natal.
  • 1926. Le o discurso de entrada na Academia de Belas Artes de San Fernando.
  • 1928. Proxecto de reforma dos accesos da catedral de Ourense. Palacios é nomeado cóengo honorario da catedral desta cidade.
  • 1930. Proxecto do templo da Paz para o monte da Guía de Vigo. Por estas datas proxecta tamén a vivenda para Celso Méndez en Praia América (Nigrán).
  • 1932. Iníciase a execución do proxecto do templo votivo do Mar en Panxón (Nigrán). Proxecto de reforma dos accesos á catedral de Santiago. Plano de ensanche e reforma interior de Vigo.
  • 1934. É nomeado arquitecto honorario da cidade de Vigo e de Santiago de Compostela.
  • 1935. Inicia o seu último gran proxecto en Madrid, o Banco Mercantil e Industrial. É nomeado membro do padroado do Museo de Castrelos en Vigo.
  • 1942. Anteproxecto da parroquial de San Francisco de Santander. Proxecta a súa propia casa na localidade madrileña de El Plantío, o edificio da Banca Viñas Aranda en Vigo, o Mosteiro da Visitación das Salesas Reais para a mesma cidade e a Gran Promesa de Valladolid.
  • 1943. Proxecto do templo da Veracruz no Carballiño.
  • 1945. Morre o 27 de outubro na súa casa madrileña de El Plantío.
  • 1976. O 30 de outubro deste ano, os seus restos son trasladados ao cemiterio municipal do Porriño, tal e como el quería.

Click sobre as imaxes para amplialas.


OBRAS

Obras de Antonio Palacios no Porriño

Fonte do Cristo

+ info

A Botica Nova

+ info

Casa do concello do porriño

+ info

Pavillón de acceso ao metro da rede de San Luis de Madrid

+ info

Deseñado por 3Doc

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa política de cookies, pique a ligazón para maior información.

PECHAR ACEPTAR
Aviso de cookies